jueves, 12 de abril de 2012

Presentación de "A noite do Apalpador" no Multiusos da Xunqueira

O xoves 19 de abril, dentro do programa da IV Semana do Libro. A festa das palabras, que as Bibliotecas de Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello levan a cabo con motivo do Día Internacional do Libro, terá lugar a presentación, no Auditorio da Xunqueira, ás 12 da mañá, do libro A NOITE DO APALPADOR, coa presenza dos seus autores, Xurxo Valcárcel e Pepe Carreiro.
Trátase dunha edición limitada e exclusiva para o Concello de Redondela, que parte dunha iniciativa da Concellería de Cultura a partir dun fermoso texto do noso paisano Xurxo Valcárcel Gil, veciño de Chapela, para dar a coñecer esta importante figura da nosa cultura mítica e poñer en valor as nosas tradicións e identidade.
O texto, que xa hai tempo que percorre Galicia con grande éxito en diferentes medios, foi musicado tamén por Xurxo Souto e divulgado na Radio Galega.
Campo das Redes apostou por este texto e buscou un ilustrador para lle dar forma a este Apalpador, e ninguén mellor que Pepe Carreiro (Os Bolechas), que lle imprime o seu particular selo: vísteo con roupa da época, zocas propias da zona, e viaxa ao Courel para documentar graficamente cada recanto (Seoane, Folgoso…) coas construcións e a paisaxe destes lugares.
O libro, editado en papel reciclado, conta cun texto moi rico en vocabulario sobre especies vexetais e árbores autóctonas, así como topografía da zona do Courel, que axudarán a achegar aos máis pequenos o valor do noso patrimonio natural e cultural.

No hay comentarios: