domingo, 4 de diciembre de 2016

Un dous de decembro cheo de historias

 
A tarde do 2 de decembro, comezou coa calor que nos proporcionou a todos os asistentes o abrigo cheo de contos co que se engalanaba Olga Cuervo. Dun peto escondido no máis profundo dese abrigo, tan profundo que estaba no corazón de Olga, xurdiron emocións, sentimentos....historias que, como boa contacontos, quixo compartir con todos.

 Accede aquí as fotos de Al abrigo de los cuentos


E dunhas historias a outras, porque son moitas as que nos conta Cervantes no Quixote, a mellor obra de todos os tempos segundo escolleu unha comisión do Premio Nobel de Literatura alá polo ano 2002, e ao redor da que virou a conferencia e posterior coloquio con Alexia D´Otras na Casa da Cultura de Redondela. Unha hora e media (porque había que pechar que se non...) que pasou nun amén. Foi tan interesante e entretida que ata o máis novo dos participantes, de 6 anos, atendeu como un adulto máis co seu libro do Quixote entre as mans (unha edición infantil, claro)

Aquí as fotos da reunión cervantina

 Unha obra, Don Quijote de la Mancha, que fixo que Flaubert, o seu máis apaixonado admirador, aprendese o español para lela no seu idioma orixinal, e crease unha versión feminina da mesma que coñecemos como Madame Bovary.

Unha historia de episodios ensartados que consiguen "suspender os ánimos"  deixándonos en suspense como calquera boa serie de misterio.
Este ano remata o 400 aniversario da morte de Miguel de Cervantes pero, amantes cervantinos, non penedes, no 2017 "El Persiles", para o escritor a súa mellor obra, está de aniversario e xa se están a preparar múltiples celebracións, algunhas delas, con moito agarimo, en Portugal, lugar no que se desenvolve parte da acción.


Por certo, un xogo para terminar: atopade, nesta pintura realizada por Dalí da figura do Quixote, todos os elementos relevantes da novela.

jueves, 1 de diciembre de 2016

Contacontos de Nadal na Biblioteca de Chapela



A Biblioteca de Chapela celebrará unha sesión de contacontos a cargo da actriz e contadora asturiana Olga Cuervo.

O espectáculo "Contos de Nadal" terá lugar o mércores 14 de decembro ás 18:30 h., e está dirixido a cativos/as de 3 a 8 anos.

Entrada libre e gratuita, ata completar aforo.

A actividade, xunto co contacontos realizado na Biblioteca de Redondela, enmárcase dentro da programación de Nadal das bibliotecas municipais.

Elección Libro do Ano 2016

 E xa está aquí unha nova edición da ELECCIÓN DO LIBRO DO ANO nas nosas, vosas, bibliotecas!


Os lectores das Bibliotecas Municipais de Redondela, elixen cada ano, o seu libro preferido dos editados no ano en curso. Por votación, escollen, respectivamente, un libro infantil e outro de adultos, como mellores libros do ano. 
De entre os participantes, faise o sorteo dun exemplar do libro que teña recibido máis votos, tanto do libro de adultos, entre os adultos, como do libro de rapaces, entre os menores de 14 anos. 
Faise unha selección e mais tamén un sorteo por cada biblioteca(en Redondela e en Chapela)
Os dous requisitos para participar:
 - Ser socio da Biblioteca 
- Seleccionar un libro publicado neste ano 2016. 
As votacións realízanse nas urnas que, para a ocasión, se situan nas dúas bibliotecas. 




 Lembrade que o prazo para participar será: do 1 de decembro de 2016 ao 9 de xaneiro de 2017